16
Sep

Ciclo Café con Ciencia: Ciencia de datos para investir nun mundo mellor

O ciclo “Café con Ciencia”, que organizan a empresa Ártabro Tech e a Universidade da Coruña, retoma o pulso tras o verán cunha conferencia, este venres día 20, a cargo do doutor en Física de Partículas pola Universidade de Valencia Cristóbal Cuenca Almenar. Cunha longa carreira como investigador en España e no extranxeiro, o relator traballa actualmente na startup Clarity AI, que desenvolveu unha ferramenta para orientar os investimentos financieiros non so polo seu rendemento económico, senón tamén polo social e ambiental. “Ciencia de datos para investir nun mundo mellor” é o título da súa ponencia.

A empresa de Cristóbal Cuenca é un exemplo de como a tecnoloxía pode enfocarse a mellorar o mundo. A súa creadora, Rebeca Minguela –incluída na lista dos 100 emprendedores de menos de 40 anos máis influíntes do Foro Económico Mundial- lanzou Clarity AI co convencemento de que a tecnoloxía pode ser unha ferramenta para combater a desigualdade. A startup desenvolveu un software que determina, a través da análise dunha enorme cantidade de datos, cal é o impacto ético, social e ambiental dos investimentos, é dicir, busca o mellor lugar para poñer o diñeiro tendo en conta non so o beneficio económico, senón tamén eses outros parámetros.

Cristóbal Cuenca desenvolveu a súa actividade científica no laboratorio Fermilab, en Chicago, onde realizou a súa tese doutoral, e no CERN –Organización Europea para a Investigación Nuclear- como investigador postdoutoural en proxectos para a Universidade Irvine e a Universidade de Yale. Cursou un MBA no IE Business School en Madrid e traballou no eido da “ciencia de datos” en diferentes empresas. Actualmente é Senior Researcher na devandita startup Clarity AI.

A finalidade do ciclo, que organiza a startup ferrolá Ártabro Tech e a Vicerreitoría do Campus de Ferrol coa colaboración do Casino, é reivindicar o impacto positivo que a investigación ten para o avance da sociedade e tamén a excelencia do sistema universitario público español, así como divulgar a importancia da innovación para o avance da sociedade.

A conferencia desenvolverase no salón do primeiro piso do Casino Ferrolán ás 19.30 horas. Previamente servirase un café na Sala de Conversas.

Enlace á entrevista que emitiu Radio5 co conferenciante: preme aquí.